As horas de Hanna

Disponibilidade: Brasil/Europa

Traspasa as portas e dille
que bateu unha fiestra derrubando o mundo
que apagou o quinqué único da casa
que cega deambula a memoria
que o vento
é un farrapo adoecido que non dá co xeito de abrir a xanela
e dorme fóra.

Fende a morada e chama por el
cos mil nomes que ti sabes.

R$45,00

_sobre este livro

_sobre este livro

As horas de Hanna, segundo poemario de Pura Tejelo, son as do libro de horas ( á maneira dos tan fermosos manuscritos miniados dos séculos XV e XVI ) que regula e codifica a súa relación coa divindade, submetendo a espiritualidade do individuo ao dogma, aínda que a simples posibilidade dun diálogo a sós conteña xa un xerme de liberdade acorde coas mudanzas do Renacimento. Horasque a conforman tamén como parte dunha natureza obediente ao inmutábel ciclo das estacións. Da man de voces poéticas diversas asistimos ao proceso de maduración de Hanna, da primavera da vida ao seu esplendor e ao inverno. Nostalxia da comuñón do ser humano cos demais seres vivos desde un presente no que a constatamos irremediabelmente perdida. As horas de Hanna son, igualmente, o tempo dunha vida prisioneira dunha orde social que se quere inmutábel como a da natureza e que mantén na opresión as mulleres e os servos. Mais As horas son, sobre todo, a hora: a do cuestionamento, a conciencia e a revolta. Os servos álzanse contra o poder, como na Galiza dos Irmandiños; algunhas mulleres ousan xa saír do rego, alterar os ciclos que as manteñen na opresión. Neste contexto a revolución de Hanna é a do direito ao saber, mais tamén a do carpe diem, a reinvidicación do desexo no máis amplo sentido e a dunha existencia en scorzo, isto é, aberta a todas as posibilidades e potencialidades, como na cita inicial de Virginia Woolf. Se en Na brétema, Santiago outorga Luís Seoane o protagonismo aos labregos e aos excluídos, aos que fican sempre na marxe do códex, Pura Tejelo denuncia nesta obra a frecuencia con que Literatura e Arte ocultan, embelecen, estetizan. Requintamento de poucos alicerzado na dor e na miseria dos máis; divinización e sublimación da Muller para manter no seu cárcere as mulleres.

Pilar Pallarés

 

_outras informações

idioma: galego
encadernação: brochura
formato: 14 x 19,5 cm
páginas: 96
papel: pólen 90 gramas
ano de edição: 2019
edição: 1ª edição

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0