O perfil da boca

Disponibilidade: Brasil/Europa

Poemas & Ilustracións

Eu querería que María,
ao acordar da perla
coas mans chamizas e labradas
na saba tan branca,
se tivera recordado así.
Que se contase para ela
como eu a conto:
enorme, recortada contra a luz
e as codias de pan
mesturadas cos fíos soltos
nos petos do mandil de cadros

(…)

[A memoria dos seixos, páxina 25]

R$45,00

_sobre este livro

Sobre este livro

Hai libros de avoa, de maría e de antergas. É así; case todas as poetas precisan nalgún momento da
comuñón coa súa estirpe como oferenda e autoexploración e hai unha fonda tradición desta poética
da memoria e do apego na nosa lingua. É precisa.
É debida. É xusticieira. María, para Lorena Conde, é “mitoloxía familiar/esencial e indirecta”, unha orixe, unha representación de futuridade pero tamén un observar de ollos abertos e boca calada ese misterio que deu da avoa unha outra linguaxe que ecoa no fondo dos anos dun xeito distinto. A avoa que acompaña silente e a súa lenda familiar, “a María anterior á perla negra/ —xaneiro de 1982—”
Hai libros que nos atravesan e outros que debemos atravesar nós, esixen o noso movemento sen importar se algo nos leva por diante con violencia por mor de non mirar.
O perfil da boca saímos cunha suor fresca e feliz, coas caras arroibadas e a pel pegañenta debido a
un esforzo gozoso, como de gabear, como de atravesar ás toas un túnel de árbores ou fozar nas beiras
lamacentas dun río. Chegamos desde o interior dos poemas coa consciencia dunha infancia rural
recuperada, na que o abandono coas avoas era en parte castigo e en parte agasallo, ritual luminoso
e salvaxe, a solta. Todas, todos nós, levamos esa experiencia pegada ao corpo da nenez e Lorena
Conde indícanos un camiño cara os seus adentros, convidándonos a atravesar pola parte máis
agochada o terreo forestal e memorístico que nos presenta n´O perfil da boca.
Atoa a boca da avoa esa perla negra, esa doa que encistou no interior do sangue e impediu a fala
procurando para a poeta unha avoa distinta ás demais, unha “María silenciosa. María acabada de
empezar para min” e unha curiosidade por traducir a un léxico de raíz o que as mans e o perfil da
boca transparentaban.
A poeta transita (e transitamos nós, en salvaxe compaña) un territorio fértil e húmido de verán vizosos
de herba alta e chocallos de ovella e cabra. Medimos a temperatura de cada verso grazas á sinestesia
que a Conde intérprete de signos trae para nós: unha brazada de cheiros, unha enxurrada de sons
estridentes e mainos, un bruar de insectos en cada punto dun mapa personalísimo pero tamén recoñecible para nós, que poderemos nomealo e situalo no punto exacto no que se nos perdeu o locus
amoenus. Este lugar, como tamén o é para a poeta, para as avoas, para as marías, para as antergas, significa para todas, escritora e lectora, unha infancia que xa saiu de nós e entrou nos terreos da idealización e da perda, da mistificación e da reverencia.
Unha maneira, a destes versos limpos e vibrantes tanto como feros, de reproducir doutra maneira os
sons dun silencio imposto nun lugar do mapa chamado Broca.

EMMA PEDREIRA

_outras informações

Idioma: galego
Encadernação: brochura
Formato: 14 x 19,5cm
Páginas: 52
Papel: pólen 90 gramas
Ano de edição: 2020
Edição: 1ª edição

Carrinho

Cart is empty

Subtotal
R$0.00
0